As institucións do franquismo
Foto: Portada das Leyes FundamentalesAínda que tódolos poderes do réxime estivesen acumulados nas mans de Franco, cómpre sinalar que houbo unha clara evolución dende os primeiros anos da súa ditadura ata os derradeiros. Nesa evolución vese un proceso cara a institucionalización, segundo o réxime concluída coa Ley Orgánica do 10-1-67. Segundo os defensores desta institucionalización, acadábase con ela un estado de dereito, aínda que non tivese nada que ver coa noción de estado de dereito procedente de Alemaña.
Un primeiro paso para esa institucionalización tivo lugar en 1947, cando se dixo que o réxime era unha monarquía a través dunha Ley Fundamental. Nembargante, quedaba por determinar cal sería o monarca trala súa morte. A opción e don Juan, pese a que tiña moitos apoios nos altos cargos franquistas, desapareceu polos ataques que lle fixo a Franco nalgunhas ocasións. Os falanxistas, pola súa banda, apoiaban a un rexente que ocupase o posto de Franco ao morrer e que noutro momento nomease ao rei. A póla carlista estaba case descartada polo caudillo por seren estranxeiros. Finalmente, en 1969, sería Juan Carlos, fillo de don Juan, elixido sucesor, o que semellaba, ao comezo, unha clara aposta polo continuísmo.
As Cortes Franquistas, creadas en 1942, eran outro punto importante da institucionalización, mais estas eran só un órgano consultivo e en absoluto democrático, pois, entre outras cousas, non eran elixidas por sufraxio universal. Os seus membros eran directamente escollidos polo ditador ou representaban corporativamente a algúns grupos que conformaban o réxime como Igrexa, exército, funcionarios...
O Consejo Nacional del Movimiento era unha institución máis que, en termos xerais, tiña por función velar pola integridade dos principios do Movimiento, ligando a toda institución a eles e descartando calquera outra ideoloxía, especialmente o comunismo.
No referente ao poder xudicial, cómpre falar de ausencia de independencia dos tribunais, sobre todo nas xurisdicións especiais como os casos dos Tribunales Militares, Magistratura del Trabajo ou Tribunal de Orden Público (TOP). Os dereitos e liberdades eran moi limitados, polo que aínda que a lei fose correctamente aplicada, o “listón” estaba moi baixo. Dende mediados dos anos 60 foron aplicándose as liberdades e os dereitos. Así, por exemplo, a Ley de Prensa de 1966 ampliou os dereitos neste campo, mais seguían a estar moi lonxanos dos dun réxime democrático.
Pese a esta institucionalización e a certa apertura que o réxime estaba a realizar, os patróns, politicamente falando, seguían a se-los mesmos. O troco económico non se vira acompañado dun claro troco político ou de valores na ditadura, e isto provocou un paulatino descontento dentro da cidadanía. Aínda así, a poboación non tivo a suficiente forza como para facer temer ao réxime e mantívose pasiva. Esta tendencia mudaría dende a morte de Franco de 1975 e esta mudanza sería importante para a posterior transición cara a democracia.
BIBLIOGRAFÍA:
Carr. R, e Fusi, J.P. 1980. España: de la dictadura a la democracia. Barcelona: Planeta

0 Comments:
Post a Comment
<< Home