A crise do réxime
Foto: Arias NavarroAínda que acostuma a falarse de 1965 como o ano no que comeza a crise do franquismo, esta, sen dúbida, vese máis claramente a partires de 1969. Dende ese ano, Carrero Blanco comezou a exercer unha moito maior influencia no goberno, sendo o seu obxectivo o de mante-lo réxime unha vez que Juan Carlos substituíse na xefatura do estado a Franco. Moitos gobernantes do Opus Dei foron culpados no caso de corrupción Matesa. A súa saída do goberno, aínda que non fixo que a influencia do Opus Dei diminuíse, castigou ao goberno, empeorando moito a súa imaxe. Co novo goberno, Fernández Miranda, novo ministro do Movimiento, conxelaría toda apertura no referente ás asociacións, aspecto no que estaban claramente de acordo tanto Carrero Blanco como o caudillo. O novo goberno, ademais, provocaría un certo auxe económico; renovaría a política exterior española; asinaría importantes acordos comerciais...
Os puntos negativos para este novo goberno foron o empeoramento das relacións coa Igrexa, a crecente axitación na universidade (en parte polo fracaso da Ley de Educación de 1970), as multitudinarias protestas obreiras, os cada vez máis habituais atentados terroristas... Para solucionar esta situación, o goberno recurriu á represión, negándose a calquera troco político reclamado polos aperturistas, cada vez máis presentes na prensa e incluso no goberno (por exemplo, dende 1972, con Silva Muñoz, ministro de obras públicas).
A ultradereita, con líderes destacados como Girón, reclamaba máis dureza, criticando así moitas medidas liberalizadoras do réxime, como a de liberalización da prensa. Pese a que se viron algunhas medidas aperturistas, como a conmutación das penas dos etarras xulgados no Proceso de Burgos, o continuísmo voltou vencer a batalla co nomeamento de Carrero Blanco como presidente do goberno en Xuño de 1973. O seu asasinato o 20 de Decembro suporía un duro golpe para o réxime.
Arias navarro, sucesor de Carrero Blanco, formaría novo goberno ao mes seguinte. Este goberno semellaba apostar claramente pola continuidade. Cedo enfermaría Franco, aínda que conseguiría recuperarse. Nembargantes, esta situación deixou a reaparición en escena de don Juan buscando apoios en Europa, asegurando que a súa chegada á xefatura do estado traería da man a democracia. Estes contactos non tiveron moito éxito.
Pese a que semellaba continuista, Arias Navarro exporía o 12-2-74 un programa claramente aperturista, especialmente no referente ás asociacións. Esta apertura provocou moito entusiasmo social, mais non chegou a ser cumprimentada na práctica, en parte pola presión exercida dende os sectores máis radicais do franquismo. Si que houbo algo de liberdade para a oposición e na prensa, mais esta foi moito menos do que se agardaba.
A represión voltouse apreciar na reaparición das penas de morte (Puig Antich e Heinz Chez) e no intento de expulsión do país, finalmente non levado a cabo, do bispo de Bilbo, Mons. Añoveros, por defende-lo euskera. Tamén habería represión no cese de Pío Cabanillas, ministro de información de corte aperturista, que fora un dos causantes da gran liberalización que se estaba a producir na prensa.
A Revolución dos Caraveis, que remataría coa ditadura en Portugal o 24-4-74, fixo temer aos dirixentes por que en España acontecese algo semellante. A principal reacción do réxime foi destituír ao xefe do Alto Estado Mayor, Manuel Díez Alegría, por ser considerado demasiado aperturista.
A enfermidade de Franco no verán de 1974 e a súa substitución por Juan Carlos de xeito interino fixo ver aos aperturistas unha oportunidade de influír no réxime, mais a pronta recuperación do caudillo impediuno, pois as súas posturas eran tamén moi continuistas.
A violencia terrorista foi a máis. A represión medrou, especialmente en Euskal Herria, e cinco membros de ETA e o FRAP serían sentenciados a morte xa en Setembro de 1975. As protestas internacionais por estas penas serían masivas e o réxime veríase aínda máis debilitado polo contexto internacional conflitivo que tería que vivir.
No referente á oposición políticas, esta estaba cada vez máis organizada. En Xullo de 1974 fora creada a Junta Democrática, grupo opositor no que destacaban o PCE e CC.OO. Ao ano seguinte, o PSOE conformaría o seu propio grupo, a Plataforma de Convergencia Democrática, na que lle acompañaban UGT e outros grupos en xeral máis moderados cós da Junta Democrática. Case toda a oposición, principalmente republicana ou juanista, amosou a súa desconformidade coa coroación futura de Juan Carlos por consideralo continuista. A oposición, incluídos os sectores máis moderados, reclamaba unha amnistía total, liberdades democráticas e eleccións libres, algo que Arias Navarro, por moito poder que lle dese aos aperturistas, non podía conceder.
Dentro do réxime, as posturas dos aperturistas estaban cada vez máis preto dos da oposición democrática, tendo ambos unha linguaxe semellante. Fraga foi un dos principais artífices desa posturas do aperturismo. Aínda así, unha vez aprobado o novo estatuto de asociacións, desapareceron practicamente del tódolos grupos aperturistas. O continuísmo era a postura da maioría das asociacións, destacando a Unión del Pueblo Español (UDPE), presidida por Adolfo Suárez. A única asociación claramente aperturista foi Reforma Social Española, de Cantarero del Castillo.
1975 veu marcado pola crise definitiva do franquismo, coa multiplicación de folgas e atentados, as protestas internacionais, o fracaso da reforma e, o 20-11-75, a morte de Franco.
BIBLIOGRAFÍA:
Carr. R, e Fusi, J.P. 1980. España: de la dictadura a la democracia. Barcelona: Planeta.

2 Comments:
Don Federico Silva Muñoz, Mr. Eficacia
6:28 AM
"Manuel Díez- Alegría y Gutiérrez", asturiano como José Antonio Sáenz de Santamaría.....
10:26 AM
Post a Comment
<< Home