Tuesday, December 19, 2006

O debate sobre a natureza do franquismo

Foto: Francisco Franco

O debate sobre a natureza do franquismo vense levando a cabo incluso dende a Guerra Civil e nel o que se busca é atopa-la definición conceptual apropiada para definir a este réxime.
As dúas principais posturas foron a de entende-lo réxime como unha ditadura militar de tipo tradicional e a de entendelo como un réxime fascista.
Ambas posturas coinciden en considerar ao réxime como contrarreformista e contrarrevolucionario tralo periodo da II República. Ademais, ambas consideran ao réxime como defensor das oligarquías, clases e institucións dominantes.
Dentro da perspectiva do réxime como unha ditadura militar tradicional atopamos a autores de moi diversas correntes políticas como Azaña, Araquistáin, Primo de Rivera ou Francisco Franco Salgado-Araujo. Pensan que non se lle pode chamar fascista polo papel tan importante que xogan a Igrexa, as clases conservadoras, o capitalismo agrario e financieiro... Tampouco hai factores que si había en Alemaña e Italia e que si favorecían a esta ideoloxía como moitos xóvenes universitarios sen futuro, un exército desmobilizado...
A perspectiva dos que consideran ao réxime de Franco como puramente fascista semella minoritaria. Os argumentos aos que recurren para consideralo así son a non organización en clases da sociedade, os ataques do réxime aos sectores esquerdistas... Tamén din que este fascismo garantiu os intereses económicos dos capitalistas, aínda que isto aconteceu tamén noutros réximes non fascistas. Aínda así, algúns analistas, como Santiago Montero Díaz, vían no fascismo un novo modo de defender eses intereses máis perfeccionado, e por iso o diferenciaban.
Son moitos os autores que pensan que en España había un fascismo con peculiaridades españolas e, por iso, cómpre situalos nun grupo diferenciado. Este suposto fascismo foi apoiado por capitalistas e grandes propietarios agrarios, mais ese apoio non se debeu a que compartisen en liñas xerais a ideoloxía, senón que a súa principal causa foi o ataque que o fascismo facía ás diversas ideoloxías de esquerdas. Co transcurrir da guerra, os sublevados foron collendo algúns elementos como o partido único, o saúdo fascista, a exaltación do caudillo... que os foron identificando máis co fascismo dende unha visión obxectiva. Ata 1945 se mantivo bastante presente a retórica fascista, cunha gran influencia neses anos de Falange. Incluso a ONU, nunha resolución de Decembro de 1946, tildou á ditadura de Franco de fascista.
Merece unha especial mención a postura de Linz, que considera a este réxime como autoritario, en contraposición co nazismo ou o fascismo italiano, que eran totalitarismos, pois tódolos poderes estaban nas mans dun xefe carismático de autoridade ilimitada. Pola contra, segundo Linz, nos autoritarismos había un certo pluralismo político; non había unha ideoloxía elaborada e directora; non tiñan unha gran mobilización política e os límites ao poder estaban formalmente mal definidos. Todo o contrario era o que acontecía nos réximes totalitarios. Esta teoría tivo moitas críticas, centrándose a principal delas na carencia de referencias ás clases e grupos sociais que apoiaban ao réxime ou se beneficiaban del.
A definición do franquismo como “despotismo moderno” vén dos autores Salvador Giner e Eduardo Sevilla Guzmán. Din que está caracterizado por un modo de dominación de clase; un persoal de servizos que sempre obedece ao xefe aínda que poida ter un pluralismo político restrinxido; unha certa tolerancia ideolóxica entre as forzas dominantes e unha maioría popular que obedece pasivamente e é economicamente explotada polas clases dominantes.
Outra denominación do franquismo foi a de “réxime autoritario e paternalista”, enunciada por Juan Ferrando Badía. Caracterízao pola exaltación persoal do xefe; a plenitude de poder para el e a ausencia dun control institucional do seu exército.
O feito de que se utilice o termo “fascista” para facer referencia a outros réximes provocou que se extendese moito o seu uso, utilizándose hoxe en día para calquera cousa contraria á democracia ou ás loitas obreiras.
Durante a guerra, pese a que había un compoñente fascista, non se pode denominar así ao bando sublevado, pois o país estaba moi atrasado como para que surxise esa ideoloxía con tanta forza. Autores como Antonio Elorza pensan que o fascismo só se veu na represión, a propaganda e os símbolos. Julio Aróstegui, pola súa banda, tamén o ve, ademais de nos símbolos, no referente ao caudillismo existente.
Hai quen ve ao franquismo como un réxime autoritario que comezou a fascistizarse durante a guerra, aínda que este preceso se veu truncado trala II Guerra Mundial. Quizáis por esa certa evolución que sufriu, hai autores que ven ao franquismo a medio camiño entre o autoritarismo e un totalitarismo de corte fascista.

Dende unha perspectiva dunha análise persoal, considero que o franquismo, no debate principal entre se é un fascismo ou outro tipo de réxime que podería ser calificado como autoritarismo, se achegaría máis á segunda opción.
Non pode ser denominado fascismo por diversas razóns. Dende un punto de vista estricto, porque o único réxime puramente fascista foi o de Mussolini, que se rexiu en base á ideoloxía fascista que recibía o seu nome dos Fascios Italinos de Combate. Se nos decidimos a chamar fascismo a calquera outro réxime que teña moitas semellanzas co mussoliniano, faremos tamén referencia ao nazismo, mais non ao franquismo.
Para ser realmente un fascismo, deberían cumprirse unha serie de premisas que en España non se cumpriron en ningún momento:
· Desaparición do poder da Igrexa e as institucións tradicionais en xeral, xa que o fascismo é unha ideoloxía modernizante que non se basea no pasado e na tradición.
· Establecemento dun partido único. En España si que o había, mais no seu interior existían diversas correntes procedentes de diversos partidos, como carlistas, falanxistas, monárquicos... Nun estado fascista todo o partido debería acatar esta ideoloxía.
· Menos poder da burguesía e das clases conservadoras, pois, o fascismo, en teoría, non sirve aos intereses de ningunha clase en concreto, senón que só defende os intereses da nación.
· Máis mobilización da cidadanía para que esta participase activamente en política durante toda a ditadura e non só en momentos concretos.
É certo que o franquismo tivo contidos fascistas en aspectos como o saúdo, a propaganda, a exaltación do caudillo... Nembargantes, tamén é certo que as características antes nomeadas e algunhas máis nos impiden consideralo como un réxime fascista.
Ata 1945, inducido por Serrano Súñer, o réxime foi moi fascistizado, aínda que non se pode chamar fascista como tal, pois seguía a defende-los intereses das clases altas; a Igrexa tiña un papel moi importante e había diversas correntes políticas no partido único e nos órganos de poder.
Tras esta análise, evidénciase que a ditadura de Franco se aproximou máis a un autoritarismo ca a un fascismo. Aínda así, é discutible que algunha das súas características sexan cumpridas. Algunha das características do autoritarismo non cumpridas polo fascismo serían:
· Exercicio do poder dentro duns límites formalmente mal definidos aínda que predicibles. É discutible que esos límites fosen realmente predicibles, xa que, por exemplo, no caso das penas, non había continuidade nas decisións ao respecto, sendo executadas unhas e sendo outras reducidas ou conmutadas.
· Exercicio do poder por parte dun líder. En España, evidentemente, era Franco o caudillo e o que tiña o poder, mais as súas decisións eran fortemente influenciadas por Igrexa, partidos, exército..., polo que, na práctica, gran parte do poder estaba nas mans destes sectores e non nas do propio Franco.
Dentro das outras posibilidades, cómpre dicir que o franquismo se asemella bastante ao “despotismo moderno”, aínda que non aparece moi elaborado no texto, polo que é difícil concluir se é unha definición apropiada ou non.
Como conclusión pódese dicir que o réxime de Franco está moi próximo ao autoritarismo, aínda que tivo, sobre todo ata 1945, algún compoñente fascista dentro das súas características.

BIBLIOGRAFÍA:
Moradiellos, E. 2000. La España de Franco (1939-1975). Política y Sociedad. Madrid: Síntesis, pp. 209-225.

Sunday, December 17, 2006

Presentación


Foto: Francisco Franco

Este blog ten por obxectivo facer unha pequena análise da ditadura franquista a través de pequenos textos colgados no mesmo. A análise do réxime xirará, principalmente, en torno ao concepto do réxime franquista como un réxime autoritario; ás orixes e etapas da ditadura; ás diversas familias que apoiaron a Franco; ás institucións e, finalmente, á decadencia do réxime.
A principal bibliografía empregada para esta análise será:

Redero, M. 2001. “El sistema político (1875-1975)”, en Alcántara, M. e Martínez, A. (eds.), Política y gobierno en España. Valencia: Tirant lo Blanch.

Carr. R, e Fusi, J.P. 1980. España: de la dictadura a la democracia. Barcelona: Planeta.

Linz, J. 1974 (e.o. 1964). “Una teoría del régimen autoritario. El caso de España”. En M. Fraga et al. (eds.). La España de los años setenta, vol. III, tomo I, Madrid: Moneda y Crédito.

Moradiellos, E. 2000. La España de Franco (1939-1975). Política y Sociedad. Madrid: Síntesis, pp. 209-225.