Friday, January 12, 2007

A análise do franquismo de Juan José Linz

Foto: Juan José Linz

Juan José Linz, no seu traballo Una teoría del régimen autoritario. El caso de España, expón as que considera como diferencias entre réximes autoritarios e totalitarios aportando exemplos. Céntrese moito no réxime franquista, ao que cualifica como autoritario.
Fala da existencia de diversos sistemas políticos como, por exemplo, a democracia, pero céntrase nos sistemas ditatoriais: autoritarismos e totalitarismos. Presenta ás ditaduras totalitarias como sistemas nos que hai unha dominación total por parte do estado, que non está diferenciado da sociedade. Especifica máis ao caracterizar aos autoritarismos, definíndoos en torno ás seguintes variables:
· Pluralismo: É limitado e non responsable, o que quere dicir que hai unha certa liberdade para adoptar posicionamentos sempre que estean dentro dos valores xerais do réxime. No franquismo isto apréciase na certa liberdade que tiñan para defende-los seus posicionamentos as diversas familias (carlismo, falanxismo, catolicismo...).
· Mentalidade fronte á ideoloxía: A ideoloxía non está elaborada e non é directora coma no caso do totalitarismo. O que existe é unha mentalidade peculiar que conforma uns valores xerais que priman no réxime. No caso do franquismo, esa mentalidade peculiar está formada por postura que proveñen das diferentes correntes ideolóxicas que apoiaron a Franco.
· Apatía fronte á mobilización: Os réximes autoritarios, ao contrario dos totalitarios, carecen de mobilización política da cidadanía agás nalgúns casos concretos da súa evolución. Isto apréciase moi claramente na ditadura de Franco, pois o réxime non forzou á participación cidadá agás nos seus primeiros anos e noutros momentos puntuais, especialmente cando España se atopa máis illada internacionalmente.
· O partido autoritario: Aínda que na teoría acostuman a afirmar que só hai un partido, os réximes autoritarios aceptan o multipartidismo. En España, aínda que se pretende presentar ao Movimiento como o partido único, no seu interior existen multiplicidade deles como Falange, Comunión Tradicionalista...
· Formas de control social: O control social presenta menos diferencias entrámbolos dous modelos, mais si que hai algunha. Así, por exemplo, no referente aos medios de comunicación de masas, suponse que hai unha censura semellante nos totalitarismos e nos autoritarismos, mais, na práctica, o pluralismo dos segundos obriga a excepcións. Unha delas pódese apreciar no réxime español, no que as publicacións oficiais da Igrexa estaban ceibes de censura gobernamental debido ao Concordato co Vaticano de 1953.
· As posicións dos militares: Nos autoritarismos, a institución militar ten, normalmente, unha serie de privilexios. Estes son produto da súa importancia pola habitual necesidade de utiliza-la forza para contrarresta-las disensións tamén provocadas polo pluralismo.
Linz tamén fai referencia a Weber ao falar da lexitimación do poder, afirmando que non inflúe nela o feito de que o sistema sexa un totalitarismo, un autoritarismo ou unha democracia. Aínda así, pode que a lexitimación carismática sexa máis habitual nos totalitarismo, especialmente na primeira xeración de ditadores (Lenin, Hitler, Fidel Castro...).
A elite autoritaria, ao contrario do que acostuma a pasar coa totalitaria, non ten a súa chegada ligada á pertenza ao partido único. Así, nos autoritarismos, as elites proveñen de moi diversos sectores. No caso do franquismo, a composición dos gobernos ou os cargos públicos fai patente esa diversidade de procedencias, aínda que acostuman a abundar persoas ligadas ao exército e, secundariamente, a Falange. No que se refire á procedencia profesional, destacan tamén os que teñen un pasado no mundo militar ou procedencia xurídica.
Pode que os autoritarismos, aínda que quizais máis prácticos para a meirande parte da poboación, resulten desilusionantes para os máis idealistas. Os demócratas, por suposto, estarán na súa contra, e algo semellante acontecerá cos que adoptan posturas máis radicais, como os fascistas, desexosos sempre dun estado totalitario. Así, en España, ademais da oposición democrática á ditadura, moitos falanxistas amosaban a súa desconformidade polo rumbo autoritario que ao réxime lle estaba a dar Franco.

BIBLIOGRAFÍA:
Linz, J. 1974 (e.o. 1964). “Una teoría del régimen autoritario. El caso de España”. En M. Fraga et al. (eds.). La España de los años setenta, vol. III, tomo I, Madrid: Moneda y Crédito.

Wednesday, January 10, 2007

As familias franquistas

Foto: O xugo e as frechas, símbolo de Falange

Tralo alzamento dos sublevados o 17-7-36, o 19-4-37 Franco decretaría a unión de tódalas forzas políticas que o apoiaban nun único partido: FET y de las JONS. Isto fixo que rematase ou, a lo menos, se limitase moito a actividade dos distintos partidos políticos pola súa conta. Tras esta unificación, os gobernos de Franco verían os seus cargos repartidos entre as diferentes tendencias, aínda que sempre cunha moi escasa presencia de carlistas. Ata 1945, ano no que as potencias fascistas saíron derrotadas na II Guerra Mundial, habería moitos falanxistas; dende entón e ata 1960, aproximadamente, predominaría a corrente do nacional-catolicismo; a partires da aí e ata o derrubamento do réxime destacarían os tecnócratas do Opus Dei, cos que foi posible un gran desenvolvemento económico.
Houbo disputas entre familias e descontento nalgunhas delas (nos falanxistas por non se achegar o estado ao modelo autoritario; nos monárquicos por non se establecer a don Juan como rei...), mais estas nunca puxeron en perigo o mantemento do réxime e o apoio a Franco. Só algúns pequenos grupos, como Falange Auténtica (grupo totalmente fiel ás teses fascistas) manifestaron a súa desconformidade co réxime de Franco.O que permitiu a unión entre as diversas tendencias foron os seus puntos ideolóxicos comúns como a hostilidade cara a democracia parlamentaria, a rixidez no seu concepto de orde pública, o seu catolicismo, a adhesión a Franco e aos principios do 18 de Julio e o seu autoritarismo e tradicionalismo. Aínda así, como xa se dixo, había diferentes opinións, incluso dentro de cada tendencia, pois, por exemplo, uns amosaban máis lealdade a Franco e outros á ideoloxía propia e orixinal da familia de que formaban parte.
A actitude de Franco con respecto ás familias foi a dun mediador, utilizándoas para a composición dos seus gobernos e a formación do poder; non permitindo que acadasen a suficiente relevancia como para monopoliza-lo goberno do estado e mediando nas disputas entre unhas e outras. Entre esas disputas cómpre salientar as provocadas polos intentos de Serrano Súñer primeiro e Arrese despois de fascistiza-lo réxime mediante leis ou borradores constitucionais, o que provocou as protestas das outras familias. Franco solucionou estas crises coma sempre, mediando entre as diferentes posturas e non permitindo, nestes casos, aos falanxistas cumprir tódalas súas ideas para que non acadasen moito poder.
Dende a década dos 60, o réxime, influído por Solís, ministro do Movimiento, buscaría unha meirande participación cidadá, mais mantendo os principios da democracia orgánica. No ámbito económico isto plasmouse en políticas liberalizadoras nas que os tecnócratas do Opus Dei eran moi influentes. En política o que se buscaba era facer do Movimiento unha organización aberta e plural, polo que era totalmente contrario aos proxectos totalitarios de Arrese, polo que topou coa oposición de moitos falanxistas, un novo enfrontamento entre familias. estes enfrontamentos repetiríanse ao tomar as tendencias posturas diferentes sobre as actuacións dos gobernantes: certas reformas sindicais, máis tolerancia en espectáculos teatrais e cinematográficos, máis liberdade de prensa (isto permitiu que as familias do réxime publicasen abertamente algunhas das súas posturas, incluso ás veces relacionadas coa volta de don Juan á xefatura do estado)... Esta apertura do réxime inquedou aos sectores máis dereitistas (sobre todo a Falange) que ás veces consideraban traizoados os ideais do 18 de Julio. Un dos máis destacados deses grupos que desexaban a volta ao pasado foi Fuerza Nueva, con Blas Piñar como líder.
A partires destas pequenas reformas de mediados dos 60, as posturas tomadas dentro dos grupos do réxime pódense dividir en aperturistas (desexosos dunha certa democratización) e inmobilistas (non queren que troque nada no réxime e incluso pretenden que se produza unha volta ao pasado). unha das posturas defendidas polos aperturistas e rexeitadas polos inmobilistas foi a posibilidade de crear asociacións (partidos políticos incluídos) dentro do réxime, co que o pluralismo político nel sería moito meirande. Os inmobilistas, contrarios a esta medida, rematarían por se impor. Dentro destes inmobilistas había moitos tecnócratas, en parte pola influencia que neles exercía Carrero Blanco, man dereita de Franco e cada vez máis achegado a posicións inmobilistas. O propio Carrero foi quen provocou a masiva entrada de tecnócratas no goberno. Isto tamén fixo que os falanxistas se sentisen molestos.
O nomeamento de Juan Carlos como sucesor en 1969 supuxo unha derrota, xa agardada, para carlista, defensores da candidatura de don Javier, e falanxistas, que querían unha rexencia.
A intención de Solís foi facer que o Movimiento, onde Falange máis poder tiña, fose a principal institución do réxime, co que garantiría a súa importante cota de poder para o futuro. Estes plans foron freados por Carrero Blanco e López Rodó, o que provocou disputas entre Solís e os seus seguidores por unha banda e Carrero e López Rodó e os seus por outra. Esta disputa non estivo tan ligada ás tendencia políticas (carlismo, falanxismo, catolicismo...) como outras.
Cómpre sinalar que, pese a que si que houbo algunhas reformas, os inmobilistas semellan os vencedores das disputas (a lo menos a finais dos anos 60), pois os proxectos reformistas non foron nin moito menos realizados e o réxime seguiu un camiño moi semellante ao que viña levando. Así, cómpre falar tamén da Ley de Libertad Religiosa, que na práctica apenas fixo que trocasen as cousas, sendo esta liberdade bastante escasa.
Pese ás derrotas sufridas, as teses aperturistas seguiron existindo e sendo influentes, en parte, polas mudanzas que tamén estaban a ter cabida na sociedade. Dende finais de 1968 foron autorizadas as asociacións, mais estas tiñan un gran número de trabas para seren legalizadas, polo que seguimos a ver o mesmo esquema de antes, cunha lenta apertura freada polos inmobilistas.
Analizando as familias franquistas máis concretamente, débese diferenciar entre familias institucionalizadas e familias políticas. Estas eran:
Exército: A maioría dos oficiais uníronse ao bando sublevado tralo golpe de estado do 17-7-36. Os altos cargos desfrutaban dun gran prestixio a moitos privilexios, como o de ocupar postos lucrativos no sector público. Ademais, a institución militar tiña garantidas de antemán unhas certas cotas de poder e podían xulgar algunhas cuestións, sobre todo de terrorismo. A súa fidelidade a Franco foi máxima, agás no caso do sector opositor da Unión Militar Democrática (UMD) xa entrados os anos 70. As posicións no exército eran moi extremistas, sendo moitas veces o sector máis radical do réxime, o que era moi perigoso para a oposición polas funcións de represión que habitualmente se lle encomendaban. Nembargantes, cara ao final da ditadura, e pese a que non adoptaban posicións contrarias ao réxime como a UMD, comezaron a xurdir altos cargos militar, como Díez Alegría ou Gutiérrez Mellado, que adoptaban ideoloxías máis ben liberais.
Falange: O obxectivo inicial de Falange era o de facer de España un estado fascista e non un réxime autoritario como o que había. Non puido consegui-lo seu obxectivo e acabou participando no réxime a través do Movimiento principalmente. Así, Franco acabou utilizando a Falange para os seus fins sen servir de nada a resistencia dos sectores máis leais ás teses fascistas. Falange puña por enriba de calquera outra idea ou clase social a España, namentres o franquismo na práctica defendía aos burgueses. O obxectivo dos falanxistas acostumaba a ser te-la meirande presencia posible nos gobernos que se formasen para así influír no réxime levándoo cara a posturas próximas ás súas. Esta influencia foi cada vez menor. A importancia institucional dos falanxistas estaba no Movimiento, onde eran maioritarios, aínda que pouco a pouco a súa importancia tamén decreceu neste ámbito. Ademais, cara á fin da ditadura, os falanxistas en xeral, con excepcións como Arrese ou Girón, adoptaron posturas máis moderadas, por exemplo, ao acepta-la monarquía. O único aspecto no que Falange saía favorecida era no control dos sindicatos. Á morte de Franco, a importancia de Falange no réxime xa case desaparecera.
Igrexa católica: O apoio da Igrexa a Franco durante a guerra ratificouse co Concordato co Vaticano de 1953. Franco concedeulle á Igrexa o control da vida intelectual española, sobre todo o control do ensino para as clases media e alta. Tamén se lle outorgou cotas de poder importantes, por exemplo, con escanos nas Cortes e no Consejo del Reino. No goberno tiveron influencia dous grupos ligados ao catolicismo: a Asociación Católica Nacional de Propagandistas (ACNP) primeiro e o Opus Dei dende finais dos anos 50 ou comezos dos 60. A entrada no poder deste segundo grupo suporía un despegue económico para o réxime e a súa integración no mundo capitalista. Tanto na ACNP coma no Opus Dei xurdirían algunhas tendencias aperturistas e incluso de oposición, aínda que eran minoritarias.
As familias políticas eran:
Franquistas integrais: Eran os grupos totalmente identificados con Franco e o franquismo. Entre eles pódese destacar a Carrero Blanco.
Monárquicos: Estaban divididos entre os defensores da dinastía da Alfonso XIII e don Juan (alfonsinos) e os carlistas, partidarios de herdeiro de Carlos V, don Javier. Todos, pese a seguir fieis á súa dinastía, aceptaron colaborar con Franco por afinidade política, agardando ademais que nomease como herdeiro a algún dos seus candidatos. Franco, pese a declarar a España como un reino en 1947, nunca deu sinais de restaura-la monarquía antes da súa morte. Os monárquicos escindíronse pouco despois entre os colaboracionistas co réxime e os que se achegaron a posturas liberais contrarias ao caudillo. No caso concreto do carlismo, coa sucesión de don Javier por parte de Carlos Hugo en 1972, as posicións da maioría pasarían a ser socialistas. A principal función que na práctica tiñan os monárquicos era servir de freo ás intencións falanxistas de crear un estado totalitario. O sucesor de Franco sería Juan Carlos, fillo de don Juan, e sería designado en 1969 e coroado en 1975, trala morte do ditador.
Tecnócratas e profesionais: Este grupo, moi ligado ao Opus Dei, como xa foi dito, apareceu en escena a comezos dos 60 para planifica-lo desenvolvemento económico do país. A súa influencia veu da maior importancia que cada vez se lles daba aos funcionarios no réxime ao desaparece-los partidos políticos.

BIBLIOGRAFÍA:
Carr. R, e Fusi, J.P. 1980. España: de la dictadura a la democracia. Barcelona: Planeta.

Diversos aspectos xerais do réxime franquista

Foto: Dionisio Ridruejo

Ademais dos aspectos puramente políticos, o franquismo déixanos conclusións noutros moitos campos. O obxectivo deste texto é expoñe-las conclusións dalgúns deses campos.
Economía:
A economía española trala Guerra Civil era realmente ruinosa, cuns niveis de vida para a poboación semellantes aos de finais do século XIX. Para solucionar este panorama, o réxime recurriu á autarquía, establecendo uns grandes aranceis aos produtos foráneos. Así, conseguiuse potencia-la industria interior un pouco e a economía melloraría, aínda que moi paseniñamente, como amosa o feito de que ata 1953 non se acadaron uns niveis de vida semellantes aos de antes do conflito bélico.
A finais da década dos 50 trocou a economía coa masiva entrada de tecnócratas do Opus Dei no goberno. O seu obxectivo foi o de integrar a España no mundo capitalista occidental, e con ese fin se fixo o Plan de Estabilización de 1959. Este troco de mentalidade deu lugar ao habitualmente chamado “milagre económico”, que é un gran desenvolvemento de economía española, achegándoa aos niveis europeos e, polo tanto, mellorando o nivel de vida dos españois.
É digna de mención a aportación que para esta mellora significou o turismo, especialmente no leste de España. Permitiu crear numerosos postos de traballo e, aínda que a costa sufriu moito urbanística e paisaxisticamente, a economía do país agradeceuno.
Na medra económica tamén son de salientar os plans económicos desenvolvidos dende mediados dos anos 60. O seu fin era reforza-lo crecemento económico que xa se viña producindo e conseguírono, mais deixando a cuestión social de lado, non habendo redistribución de renda. Así xurdirían o que e deu en chamar “as dúas Españas”, pois había zonas moi desenvolvidas economicamente (sobre todo Catalunya e Euskadi) e outros que seguían a vivir nunhas pésimas circunstancias (sobre todo as zonas rurais). Esta situación que vivía o rural, sobre todo de Galiza, Estremadura e Andalucía, levou a un masivo éxodo rural, consistente na migración dende as zonas rurais ás cidades para buscar traballo nas industrias alí existentes. Moitos outros decidiron emigrar ao estranxeiro, traendo moitas veces á súa volta fortunas que serían invertidas no interior. Isto fixo que moitas veces fose o propio réxime o que promocionase a emigración.
Vese unha crise na agricultura tradicional, facéndose difícil o poder vivir dela. A medra da industria nas cidades e a pouca valoración dada á agricultura foi o que provocou esta situación.
Sociedade:
A sociedade semellábase ao comezo da ditadura á anterior á República. Había unha poderosa clase alta namentres a meirande parte da poboación vivía na miseria. Xeograficamente tamén se poderían facer diferencias, cunhas zonas moito máis desenvolvidas ca outras. O “milagre económico” tamén tivo consecuencias sociais ao aparecer unha gran clase media, moitas veces ligada aos postos de traballo existentes na cada vez máis poboada cidade, como postos na banca, o funcionariado...
A clase obreira medrou moito co éxodo rural. A meirande parte dos traballadores pertencían a pequenas empresas. As condicións de vida eran relativamente boas, aínda que é ben certo que unha parte do proletariado, en torno ao 11 %, era realmente pobre. A clase aburguesouse debido á mellora económica, como se pode apreciar no feito de que moitos obreiros lles recomendasen aos seus fillos non meterse en asuntos políticos para non pór en perigo o seu porvir.
A sociedade descrita é unha sociedade de consumo, con urbes moi grandes, o rural cada vez máis despoboado, meirande capacidade económica da poboación, economía capitalista... Cedo gran parte da poboación puido dispor de coche, algún electrodoméstico, televisión... e, aínda que as condicións de vida non eran nin moito menos iguais para todos, estes factores permitían unha certa igualación.
A mellora económica e a chegada á cidade tamén implicou que as actitudes de moita xente mudasen. Así, trocaron os gustos musicais, o xeito de vestir, as relacións sexuais, perdeu influencia a relixión... Os trocos sociais provocaron tamén desexos de trocos políticos acordes con eles, polo que moitas persoas, especialmente mozos, foron identificándose máis coas posturas opositoras e uns anos despois serían factores importantes no paso á democracia.
Cultura:
Foron poucos os intelectuais que se identificaron co franquismo. Algúns falanxistas, como Dionisio Ridruejo, fixérono ao comezo, mais a progresiva separación das teses fascistas fixo que se deixasen de identificar con el. Como consecuencia, o réxime recurriu as máis das veces a autores do pasado, como Menéndez Pelayo ou Ramiro de Maeztu, para atopar intelectuais de importancia acordes cos seus ideais. As estéticas culturais tradicionais primaron sobre as vangardas.
Os falanxistas, próximos moitas veces a Eugenio d´Ors, publicaron diversas revistas culturais ao comezo da ditadura, destacando Escorial, de Dionisio Ridruejo. O distanciamento do fascismo antes nomeado provocaría a saída de Ridruejo desta revista e a desaparición da meirande parte delas. A alternativa veu dende os sectores católicos e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que lle deu un enfoque relixioso a toda a súa actividade. Arbor foi a revista desta corrente de pensamento. A arte en xeral mantivo os parámetros tradicionais xa nomeados, sendo incompatibles con eles artistas como Miró, Picasso e, durante algún tempo, Dalí.
Nembargantes, co paso do tempo, sobre todo dende a década dos 50, o réxime abriuse a outras tendencias artísticas e intelectuais, chegando a ser difundidas obras de Ortega y Gasset ou Unamuno. Nembargantes, a censura tamén actuou moi fortemente sobre a arte, o que se puido apreciar en literatura, música, cine e moitos outros campos. Nas poucas obras contrarias ao réxime que eran permitidas podíase apreciar un troco na tendencia artística en xeral ao non ser seguidos moitos dos patróns marcados polo réxime. Isto pode apreciarse na obra teatral de Buero Vallejo Historia de una escalera (1949).
A “cultura da evasión” foi un factor predominante nos anos de ditadura. este feito prodúcese ante a ausencia d calidade de moitas das obras permitidas polo réxime e consiste na tendencia da poboación a entreterse con obras (musicais, teatrais, cinematográficas...) de escasa calidade artística pero destacadas por seren entretidas, cómicas... Así, apenas había artistas ou intelectuais realmente destacados nalgúns campos.
Moitos autores pensaron que a arte e a literatura deberían ser medios cos que facer pensar á xente sobre que situación estaban a vivir e non medios para a alienación. Así, apareceron obras de crítica social cunha clara intencionalidade política. Neste aspecto destacan, por exemplo, Gabriel Celaya, Juan Goytisolo, Alfonso Sastre... Moitas veces había unha clara influencia marxista neles.
A presencia de Manuel Fraga no ministerio de información entre 1962 e 1969 provocou unha gran apertura nas publicacións. Foron anos de declive no cine e no teatro pola proliferación de televisores nos fogares españois, o que fixo que se preferisen outros espectáculos como os deportivos. A literatura tampouco era moi apreciada.
Nos anos 70, a arte de influencia marxista deu lugar aos “ismos”, unha arte vangardista moito máis despolitizada. Cómpre destacar nesta nova tendencia, por exemplo, a Gimferrer ou Martín Santos. O feito de que a arte se despolitizase non implica que os artistas deixasen dun lado a política, pois moitos estaban moi implicados en posturas políticas de oposición.
Oposición:
Segundo Franco, a súa vitoria na Guerra Civil trouxera implícita a paz. Isto non foi totalmente certo, pois nos anos 40 houbera oposición coas guerrillas, nos 50 coas folgas e nos 60 e 70 coa oposición obreira, o terrorismo e as protestas estudantís. Nembargantes, esta oposición nunca foi o suficientemente forte como para derruba-lo réxime e non foi realmente inquedante ata os derradeiros anos de ditadura. A represión influíu na redución da oposición, mais cómpre salientar que esta oposición non era tanta como moitas veces se ten dito.
Os movementos da clase obreira víronse diminuídos na ditadura con respecto á república pola represión e pola aparición do Sindicato Vertical, sindicato oficial que integraba dentro del a obreiros e patróns. Este sindicalismo non representaba realmente os intereses dos obreiros, sendo unha farsa ao servizo do réxime.
É certo que algunhas decisións, como a creación da Seguridade Social, eran boas para os traballadores, mais estas estaban moi lonxe de se adecuar á xustiza social, e o sindicato non favorecía nada na súa consecución. A represión sobre os sindicatos históricos como UGT ou CNT foi moita, mais non impediu a proliferación de folgas e protestas obreiras dende comezos dos anos 60. Estas foron a máis dende 1958, cando foi introducida a negociación colectiva entre empresarios e traballadores. Aínda que as zonas máis industrializadas, como Euskadi, Madrid, Asturies ou Catalunya, eran as máis combativas, tamén aumentaron os conflitos noutras partes, como Galiza, Nafarroa, Andalucía... Predominaban temas salariais na convocatoria das folgas, mais acostumaba a estar de fondo unha clara oposición ao réxime. Solís, ministro do Movimiento, propuxo trocos na organización sindical, de xeito que os traballadores puidesen participar nela defendendo os seus intereses, mais esta reforma viuse freada por sectores opostos a ela entre os que se pode nomear a Rodó ou a Carrero Blanco. CC.OO. apareceu como un sindicato achegado ao PCE e colleu moita forza dende comezos dos anos 60, superando a importancia dos sindicatos históricos. A súa actividade comezou coa aparición de comités de traballadores en moitas empresas a finais da década dos 50 que posteriormente darían lugar a este sindicato. Tamén apareceron nesta época algúns sindicatos relevantes de corte católico como Unión Sindical Obrera (USO) ou Acción Sindical de Trabajadores (AST). A actuación de CC.OO. sería moitas veces mediante a infiltración no Sindicato Vertical.
No referente á universidade, as protestas estudantís comezaron a mediados dos anos 50, maioritariamente na contra da preponderancia do sindicato oficial, o SEU. Nos estudantes, igual ca nos traballadores, influía moito a ideoloxía comunista, habendo tamén, en menor medida, grupos católicos. A conflitividade medrou moito na década seguinte e, con ela, a represión. A Ley de Educación de 1970 provocaría tamén moito malestar no estudantado, chegando a haber unha folga xeral nas universidades en 1973, pese a que un dos obxectivos desta lei era precisamente diminuí-las protestas. Cara o final da ditadura, o apoio ao réxime nas universidades practicamente desaparecera pola paulatina concienciación democrática que se producira.
Nos sectores eclesiásticos houbo un claro troco de mentalidade dende, aproximadamente, 1965. Mudou o claro apoio ao réxime que houbera, incluso a pesares do Concordato asinado co Vaticano en 1953. A oposición era escasa estre os bispos, pois, aínda que eran nomeados dende o Vaticano, na súa elección influía moito Franco. Nembargantes, dende o Concilio Vaticano II, cando en Roma mudou moito o xeito de ve-la Igrexa, gran parte do catolicismo afastou as súas posturas do franquismo. A democracia cristiá, ata entón de moi escasa influencia, recibiu un pulo moi importante nas súas posturas de oposición ao réxime. Coa chegada ao papado de Pablo VI en 1963 renovouse un pouco a alta xerarquía de Igrexa española, pese a que seguía a manter posturas conservadoras. A represión sobre os sacerdotes que non aceptaban ao réxime foi a máis, sobre todo en Euskal Herria, onde moitos curas estaban ligados a posturas nacionalistas. Co paso dos anos e a entrada nos anos 70, a oposición foi a máis, achegándose a estas posturas incluso algúns bispos. Nembargantes, non cómpre esquecer que a influencia da Igrexa na sociedade, fosen cales fosen as súas posturas, era moito menor ca no comezo do réxime pola gran secularización que se producira dende os anos 60.
O centralismo tamén provocou descontento en Catalunya, Euskal Herria e, en menor medida, Galiza, ao teren estes territorios culturas diferenciadas. En Euskal Herria o descontento plasmouse, por falar do caso máis significativo, na aparición da banda terrorista ETA. ETA axudou a recupera-lo sentimento nacional vasco, en boa medida perdido trala Guerra Civil. En Catalunya, pola contra, a defensa da identidade propia viuse sobre todo nos movementos culturais.
No referente aos partidos políticos, é importante dicir que a maioría cesaron na súa actividade no interior trala derrota de 1939. A excepción foi o PCE, que durante boa parte dos anos 40 seguiu o seu traballo, sobre todo colaborando coas guerrillas. O resto da oposición, tanto liberal como monárquica, apenas fixo cousas no exilio para muda-la situación. Así, o PCE, aínda fortemente identificado coa URSS (sería así ata os anos 70, cando adoptaría posturas democráticas), era o único partido realmente activo e, polo tanto, o principal. A falta de coordinación e unidade entre as forzas opositoras favoreceu ao réxime, que tivo así máis doado enfrontarse a elas. O PSOE era moi débil; o carlismo, agora evolucionado cara a posturas socialistas, tamén o era; a democracia cristiá que comezaba a predominar en Catalunya aínda era incipiente. O principal acto conxunto da oposición foi a súa reunión en Munich en 1962, mais o réxime non chegou a verse inquedado por ela. Hai que dicir que, pese a que a oposición non puido rematar co réxime, o seu traballo foi importante no desgaste do mesmo e, sobre todo, na concienciación da cidadanía, que pouco a pouco se foi achegando a posturas democráticas e deslexitimando a Franco.

BIBLIOGRAFÍA:
Carr. R, e Fusi, J.P. 1980. España: de la dictadura a la democracia. Barcelona: Planeta.

Sunday, January 07, 2007

A crise do réxime

Foto: Arias Navarro

Aínda que acostuma a falarse de 1965 como o ano no que comeza a crise do franquismo, esta, sen dúbida, vese máis claramente a partires de 1969. Dende ese ano, Carrero Blanco comezou a exercer unha moito maior influencia no goberno, sendo o seu obxectivo o de mante-lo réxime unha vez que Juan Carlos substituíse na xefatura do estado a Franco. Moitos gobernantes do Opus Dei foron culpados no caso de corrupción Matesa. A súa saída do goberno, aínda que non fixo que a influencia do Opus Dei diminuíse, castigou ao goberno, empeorando moito a súa imaxe. Co novo goberno, Fernández Miranda, novo ministro do Movimiento, conxelaría toda apertura no referente ás asociacións, aspecto no que estaban claramente de acordo tanto Carrero Blanco como o caudillo. O novo goberno, ademais, provocaría un certo auxe económico; renovaría a política exterior española; asinaría importantes acordos comerciais...
Os puntos negativos para este novo goberno foron o empeoramento das relacións coa Igrexa, a crecente axitación na universidade (en parte polo fracaso da Ley de Educación de 1970), as multitudinarias protestas obreiras, os cada vez máis habituais atentados terroristas... Para solucionar esta situación, o goberno recurriu á represión, negándose a calquera troco político reclamado polos aperturistas, cada vez máis presentes na prensa e incluso no goberno (por exemplo, dende 1972, con Silva Muñoz, ministro de obras públicas).
A ultradereita, con líderes destacados como Girón, reclamaba máis dureza, criticando así moitas medidas liberalizadoras do réxime, como a de liberalización da prensa. Pese a que se viron algunhas medidas aperturistas, como a conmutación das penas dos etarras xulgados no Proceso de Burgos, o continuísmo voltou vencer a batalla co nomeamento de Carrero Blanco como presidente do goberno en Xuño de 1973. O seu asasinato o 20 de Decembro suporía un duro golpe para o réxime.
Arias navarro, sucesor de Carrero Blanco, formaría novo goberno ao mes seguinte. Este goberno semellaba apostar claramente pola continuidade. Cedo enfermaría Franco, aínda que conseguiría recuperarse. Nembargantes, esta situación deixou a reaparición en escena de don Juan buscando apoios en Europa, asegurando que a súa chegada á xefatura do estado traería da man a democracia. Estes contactos non tiveron moito éxito.
Pese a que semellaba continuista, Arias Navarro exporía o 12-2-74 un programa claramente aperturista, especialmente no referente ás asociacións. Esta apertura provocou moito entusiasmo social, mais non chegou a ser cumprimentada na práctica, en parte pola presión exercida dende os sectores máis radicais do franquismo. Si que houbo algo de liberdade para a oposición e na prensa, mais esta foi moito menos do que se agardaba.
A represión voltouse apreciar na reaparición das penas de morte (Puig Antich e Heinz Chez) e no intento de expulsión do país, finalmente non levado a cabo, do bispo de Bilbo, Mons. Añoveros, por defende-lo euskera. Tamén habería represión no cese de Pío Cabanillas, ministro de información de corte aperturista, que fora un dos causantes da gran liberalización que se estaba a producir na prensa.
A Revolución dos Caraveis, que remataría coa ditadura en Portugal o 24-4-74, fixo temer aos dirixentes por que en España acontecese algo semellante. A principal reacción do réxime foi destituír ao xefe do Alto Estado Mayor, Manuel Díez Alegría, por ser considerado demasiado aperturista.
A enfermidade de Franco no verán de 1974 e a súa substitución por Juan Carlos de xeito interino fixo ver aos aperturistas unha oportunidade de influír no réxime, mais a pronta recuperación do caudillo impediuno, pois as súas posturas eran tamén moi continuistas.
A violencia terrorista foi a máis. A represión medrou, especialmente en Euskal Herria, e cinco membros de ETA e o FRAP serían sentenciados a morte xa en Setembro de 1975. As protestas internacionais por estas penas serían masivas e o réxime veríase aínda máis debilitado polo contexto internacional conflitivo que tería que vivir.
No referente á oposición políticas, esta estaba cada vez máis organizada. En Xullo de 1974 fora creada a Junta Democrática, grupo opositor no que destacaban o PCE e CC.OO. Ao ano seguinte, o PSOE conformaría o seu propio grupo, a Plataforma de Convergencia Democrática, na que lle acompañaban UGT e outros grupos en xeral máis moderados cós da Junta Democrática. Case toda a oposición, principalmente republicana ou juanista, amosou a súa desconformidade coa coroación futura de Juan Carlos por consideralo continuista. A oposición, incluídos os sectores máis moderados, reclamaba unha amnistía total, liberdades democráticas e eleccións libres, algo que Arias Navarro, por moito poder que lle dese aos aperturistas, non podía conceder.
Dentro do réxime, as posturas dos aperturistas estaban cada vez máis preto dos da oposición democrática, tendo ambos unha linguaxe semellante. Fraga foi un dos principais artífices desa posturas do aperturismo. Aínda así, unha vez aprobado o novo estatuto de asociacións, desapareceron practicamente del tódolos grupos aperturistas. O continuísmo era a postura da maioría das asociacións, destacando a Unión del Pueblo Español (UDPE), presidida por Adolfo Suárez. A única asociación claramente aperturista foi Reforma Social Española, de Cantarero del Castillo.
1975 veu marcado pola crise definitiva do franquismo, coa multiplicación de folgas e atentados, as protestas internacionais, o fracaso da reforma e, o 20-11-75, a morte de Franco.

BIBLIOGRAFÍA:
Carr. R, e Fusi, J.P. 1980. España: de la dictadura a la democracia. Barcelona: Planeta.

As institucións do franquismo

Foto: Portada das Leyes Fundamentales

Aínda que tódolos poderes do réxime estivesen acumulados nas mans de Franco, cómpre sinalar que houbo unha clara evolución dende os primeiros anos da súa ditadura ata os derradeiros. Nesa evolución vese un proceso cara a institucionalización, segundo o réxime concluída coa Ley Orgánica do 10-1-67. Segundo os defensores desta institucionalización, acadábase con ela un estado de dereito, aínda que non tivese nada que ver coa noción de estado de dereito procedente de Alemaña.
Un primeiro paso para esa institucionalización tivo lugar en 1947, cando se dixo que o réxime era unha monarquía a través dunha Ley Fundamental. Nembargante, quedaba por determinar cal sería o monarca trala súa morte. A opción e don Juan, pese a que tiña moitos apoios nos altos cargos franquistas, desapareceu polos ataques que lle fixo a Franco nalgunhas ocasións. Os falanxistas, pola súa banda, apoiaban a un rexente que ocupase o posto de Franco ao morrer e que noutro momento nomease ao rei. A póla carlista estaba case descartada polo caudillo por seren estranxeiros. Finalmente, en 1969, sería Juan Carlos, fillo de don Juan, elixido sucesor, o que semellaba, ao comezo, unha clara aposta polo continuísmo.
As Cortes Franquistas, creadas en 1942, eran outro punto importante da institucionalización, mais estas eran só un órgano consultivo e en absoluto democrático, pois, entre outras cousas, non eran elixidas por sufraxio universal. Os seus membros eran directamente escollidos polo ditador ou representaban corporativamente a algúns grupos que conformaban o réxime como Igrexa, exército, funcionarios...
O Consejo Nacional del Movimiento era unha institución máis que, en termos xerais, tiña por función velar pola integridade dos principios do Movimiento, ligando a toda institución a eles e descartando calquera outra ideoloxía, especialmente o comunismo.
No referente ao poder xudicial, cómpre falar de ausencia de independencia dos tribunais, sobre todo nas xurisdicións especiais como os casos dos Tribunales Militares, Magistratura del Trabajo ou Tribunal de Orden Público (TOP). Os dereitos e liberdades eran moi limitados, polo que aínda que a lei fose correctamente aplicada, o “listón” estaba moi baixo. Dende mediados dos anos 60 foron aplicándose as liberdades e os dereitos. Así, por exemplo, a Ley de Prensa de 1966 ampliou os dereitos neste campo, mais seguían a estar moi lonxanos dos dun réxime democrático.
Pese a esta institucionalización e a certa apertura que o réxime estaba a realizar, os patróns, politicamente falando, seguían a se-los mesmos. O troco económico non se vira acompañado dun claro troco político ou de valores na ditadura, e isto provocou un paulatino descontento dentro da cidadanía. Aínda así, a poboación non tivo a suficiente forza como para facer temer ao réxime e mantívose pasiva. Esta tendencia mudaría dende a morte de Franco de 1975 e esta mudanza sería importante para a posterior transición cara a democracia.

BIBLIOGRAFÍA:
Carr. R, e Fusi, J.P. 1980. España: de la dictadura a la democracia. Barcelona: Planeta

Evolución do réxime franquista


Foto: Serrano Súñer

Co golpe de estado levado a cabo en Melilla o 17-7-36 e apoiado por moitos sectores do exército comezaba en España a Guerra Civil. Os sublevados, apoiados por Alemaña e Italia, gañaron pouco a pouco territorios da zona republicana, só apoiados pola URSS. Finalmente, o autodenominado bando nacional remataría gañando a guerra.
Polo que respecta á organización do bando sublevado, xermolo do futuro réxime franquista, cómpre dicir que dende moi cedo houbo unidade de mando nas mans de Franco.
No referente ás forzas políticas, esta unidade de mando viuse plasmada na creación o 19-4-37 dun partido único, FET y d las JONS. Pese ás diferenzas entre Comunión Tradicionalista e FE de las JONS, tiveron que acepta-lo decreto unificador do caudillo. Esta unidade contrasta co caos e as diferenzas existentes entre as tendencias que compuñan o bando republicano. Pese á unidade, o falanxista foi claramente o grupo máis influinte ata mediada a década dos 40.
Igrexa e exército foron tamén importantes e cumpriron papeis claves na conformación do réxime. A Igrexa, grazas á lexitimación que lle dera ao golpe de estado ao calificalo de “cruzada”, puido exercer unha gran influencia. O exército era outro dos pilares e, unha vez conformado o réxime, tería garantidos por decreto unha serie de altos cargos.
Os grupos sociais que máis axudaron aos sublevados na guerra e que trala vitoria máis beneficio sacarían de ditadura foron a oligarquía terratenente e a burguesía financeira e industrial. A defensa destes grupos sociais viría marcada pola primacía dada aos valores de propiedade, relixión e orde.
Co remate da guerra o 1-4-39, quedaba instaurada a ditadura da Franco en todo o territorio español. O españois non puideron desfrutar dunha constitución, sendo as principais temáticas ou decisións do réxime resoltas por unhas Leyes Fundamentales que pretendían actuar como unha base legal para a configuración do réxime.
A tendencia fascistizada que o réxime adquiriu durante os seus primeiros anos desapareceu a mediados dos anos 40 coa destitución do ministro de ideoloxía fascista Serrano Súñer (1942), o comezo de declive das potencias do eixo na II Guerra Mundial (1942), a non admisión na ONU (1945), o illamento internacional (dende 1946)... Así, quíxoselle dar ao réxime unha aparencia democrática coa denominada “democracia orgánica” que, en teoría, representaba corporativamente a diversos grupos sociais como cabezas de familia, funcionarios, militares, traballadores (a través do sindicato vertical)... Tamén foron creadas en 1942 as Cortes Españolas, aínda que non eran un órgano lexislativo nin representativo polos plenos poderes dos que seguía a dispor Franco e a ausencia de sufraxio universal. A declaración de dereitos do Fuero de los Españoles de 1945 era outra farsa da democracia, pois había moitos recortes e ningunha garantía para eses dereitos. Outras leis posteriores serían a Ley de Sucesión (1947), que declaraba a España como un reino e reservaba a Franco a designación de sucesor; a Ley de Principios del Movimiento Nacional (1958) e a Ley Orgánica del Estado de xaneiro de 1967, que permitía separa-los cargos de xefe do estado e presidente do goberno.
A paulatina separación do totalitarismo fascista que o franquismo levou a cabo dende os anos 40 permitiu amplia-las relacións co exterior. Así, en 1953 serían asinados tratados con Estados Unidos e o Vaticano e en 1955 España sería admitida na ONU. O novo réxime que se estaba a conformar era autoritario e non totalitario segundo a clasificación feita po J. J. Linz. O poder estaba compartido entre o exército e as elites ou familias, ademais da Igrexa. As relacións entre esta última e o estado empeorarían ao pasa-los anos.
Dende finais de década dos 50 tería lugar un troco no modelo económico e aparecerían novas formas de institucionalización debido á masiva entrada de tecnócratas do Opus Dei no goberno. Isto sería así, en boa medida, pola aplicación do Plan de Estabilización de 1959, o cal permitiu un gran desenvolvemento na economía española ligado a un proceso de apertura e liberalización. Este desenvolvemento trouxo consigo unha mudanza na estrutura social, diminuíndo os sectores agrarios e aumentando os industriais e, sobre todo, os do sector servizos. Ademais, permitiu unha acomodación do proletariado, polo que a conflitividade social foi claramente a menos. Tamén aumentaron as clases medias, evidencia da integración da sociedade española no sistema capitalista.
A aparente contradición entre evolución económica e crise do réxime, que se plasmaría dende mediados dos 60, se explica na incapacidade do mesmo para adaptar as súas estruturas políticas ao contexto económico e social ao que dera lugar. Así, a sociedade reclamaba moita máis liberdade da que lle podía aportar este anticuado réxime autoritario. Nesta situación, as relacións coa Igrexa irían arrefriándose e o contexto internacional empeoraba pola ausencia de réximes semellantes ao español en Europa, sobre todo trala caída do portugués e o grego. Socialmente falando, a oposición ao réxime foi canalizada pola clase traballadora, estudantes, nacionalistas, grupos de profesionais e parte da burguesía. Polo que respecta aos partidos políticos, serían creados dous grandes grupos opositores: en 1974, Junta Democrática, onde destacaban o PCE e CC.OO., e en 1975, Plataforma de Convergencia Democrática, co PSOE e UGT como organizacións principais.
Dentro do propio franquismo tamén tiveron lugar divisións internas. Así, os sectores aperturistas querían adapta-lo réxime aos trocos sociais producidos namentres os inmobilistas negaban a necesidade de que o réxime trocase nada. Dende a morte de Carrero Blanco, presidente do goberno claramente ligado ao segundo grupo, o 20-12-73, comezarían a imporse, durante un breve período de tempo, as teses aperturistas. Pouco despois, o réxime voltaría á represión e ao illamento.
A opinión pública do franquismo estaba bastante despolitizada, mais nos derradeiros anos de vida do ditador as opinións contrarias a el foron cada vez máis. Unha vez morto Franco, cunha poboación cada vez máis contraria a mante-lo réxime e un gran número de aperturistas no poder, a ditadura sería insostible e a democracia sería implantada tras un período de transición.

BIBLIOGRAFÍA:
Redero, M. 2001. “El sistema político (1875-1975)”, en Alcántara, M. e Martínez, A. (eds.), Política y gobierno en España. Valencia: Tirant lo Blanch.

J.L. Rodríguez Jiménez, La extrema derecha española en el siglo XX, Madrid, Alianza, 1997.